Engaiolarte Edicións, inaugura a súa andaina co libro Xavier Vence. Conversas. Temos dereito a un futuro distinto, unha longa entrevista co economista e portavoz nacional do BNG, realizada polo xornalista Xan Carballa.
O libro é unha aproximación biográfica a unha persoa ben coñecida no mundo universitario e do ensaio económico, e que desde 2013 lidera a principal organización do nacionalismo galego, logo da crise desatada no BNG en 2012. Vence é un perfil novo que se analiza a si mesmo, “se tivera que imaxinar algo penso que hoxe por hoxe se me ve sobre todo como economista e profesor da universidade e menos como político. Eu trato de facer un discurso político riguroso, claro pero non demagóxico, facendo fincapé nas causas dos problemas e nas alternativas. Non me gusta nada o tipo de discurso político que hoxe abunda, de impacto, de titulares, sen respaldo nin na verdade nin en propostas. En todo o caso, eu trato de lle achegar o meu criterio e o meu saber ao BNG sobre o futuro do país: poñer orixinalidade na fundamentación das posicións que mantemos e reforzar a dimensión técnica e racional das propostas políticas e económicas que lanzamos”.
No libro Vence percorre as distintas etapas do nacionalismo contemporáneo, analiza a presenza nacionalista nos gobernos municipais e autonómico e as causas da crise económica e institucional actual, e vincula o horizonte da soberanía para Galicia como a saída máis realista.
Se quere información sobre como mercar este libro prema neste enlace:
librosnacasa.wordpress.com